22.12.09

BO NADAL e FELIZ 2010
Xa chegaron as vacacións e chega a felicitación da Biblioteca:
Queremos desexarvos unhas festas estupendas e un ano 2010 aínda mellor.
Que disfrutedes moito nas vacacións co que máis vos guste e, por suposto, cunhas lecturas estupendas. Esperamos que teñades mellor sorte cos regalos que os tres porquiños do conto que tedes aquí abaixo.
FELICIDADES do equipo da biblio!

20.12.09

CAMPO A TRAVÉS

Chegan correndo as vacacións!! Non estivo nada mal o día de carreiras que tivemos este xoves pasado.
Saímos da biblio, marchamos para Area da Vila e foinos moi ben! Podedes ver a información en Pedras do Vilán, cunhas cantas fotos.
Se queredes descargar algunha, tédelas todas e máis nos ordenadores da biblio.

14.12.09

Nadal de libro!
Como cada ano por estas datas (e por outras) publicamos unha guía de posibles lecturas para disfrutalas nas vacacións. Queremos mostrar un pouco de todo, tanto para vós como para os vosos familiares. Por iso vos invitamos a que levedes a casa unha copia da guía, que atoparedes na biblio, ou que a visitedes mesmo aquí debaixo.
Esperamos ter acertado. Boas lecturas!

13.12.09

NOVOS CAPÍTULOS
Xa temos dous capítulos máis na nosa historia andante. Logo do capítulo feito por Raquel, de 4ºB, temos outro máis realizado por Javier Brey, o profe de Plástica. Mirade como deixaron ao pobre Emilio nos últimos capítulos publicados! (Ata lle medrou o pelo!!)
Esperemos que nos seguintes, (que aparezan pronto!!) alguén teña un pouco de misericordia... Que pasará co pobre Emilio, que non ten culpa de nada? Quen seguirá contando a historia??
De momento podedes seguila picando no libriño que hai na columna da dereita.

10.12.09

AS BIBLIOTECAS ESCOLARES COS DEREITOS HUMANOS
Tal día coma hoxe, un 10 de decembro de 1948, aprobouse a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Hai xa 61 anos desta data e seguimos aínda sufrindo a falta destes dereitos, ou sufrindo ataques directos aos mesmos, nunha grande parte do mundo no que vivimos.
Son moitas as persoas e as organizacións en todo o mundo que intentan poñer todos os medios para que estes dereitos sexan realidade para todos os humanos e conseguir que se fagan realmente universais.
As bibliotecas escolares queremos poñer o noso gran de area neste empeño, en recordo, por exemplo, daqueles que nunca na súa vida poderán ter acceso á educación.
Así podemos ver o cartel que nos envían dende o CEIP de Pazos, no que todas as cores forman parte da mesma man. Ou estoutro do IES Río Cabe, que nos deixa ver a desigualdade entre dous mundos que habitan o mesmo planeta.
Desde o CEIP San Martiño-Salcedo mándannos un enlace para saber algo máis sobre os Dereitos Humanos cun sinxelo xogo, da Cruz Vermella.

30.11.09

BIBLIOTECA, ESPAZO DE ENCONTRO
A biblioteca do Insti ten moitos usos, e máis que debera ter. Un dos máis importantes é o de servir de espazo común para todos os que forman parte da comunidade educativa do centro. Por iso gustounos tanto que hoxe se celebrara aquí a primeira reunión do Grupo de Encontro e Debate.
Falar, dialogar... é a única forma posible de entendernos entre nós e chegar a sacar de cada un o mellor que poida dar. Longa vida ao Grupo de Encontro!
E esperemos que haxa cada vez máis encontros de todo tipo: de pais, nais, profes, alumnos, alumnas, lectores, non lectores, cinéfilos, non cinéfilos... e o que se vos ocorra. A biblio terá sempre as portas abertas.

Grupo de encontro on PhotoPeach

29.11.09

As Bibliotecas Escolares en "La Voz de Galicia"
Hoxe vén de publicarse unha plana enteira en "La Voz de Galicia" falando sobre a animación á lectura que se fai en moitas bibliotecas escolares de Galicia. Está moi ben que fóra das paredes do centro se saiba o que se fai, que se fale dos clubs de lectura, da Hora de Ler, das mochilas viaxeiras, e que se saiba que desde aquí 'exportamos' estas iniciativas ao resto do España. Se queredes ver as noticias orixinais picade nos enlaces.

24.11.09

DIA INTERNACIONAL
CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
DI NON Á VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES!
“Unha de cada tres mulleres e nenas pode sufrir abusos no transcurso da súa vida.” Contamos contigo para contribuír no cambio. Pasa á acción.
NON – ÚNETE para Por Fin á Violencia contra as Mulleres. Pica na foto para ver o vídeo da campaña.
(Nicole Kidman, Embaixadora da Boa Vontade de UNIFEM)
Se queres participar na campaña vai a esta páxina

No concurso - es + cine para ser a voz dos que calan, rapaces de ESO e Bacharelato de diferentes centros de España, redactaron guións para unhas curtametraxes que logo profesionais do cine como Chus Gutiérrez, Ángeles González Sinde, Daniel Guzmán, Malena Alterio, Emma Suárez, Eduard Fernández o Víctor Elías, levaron á pantalla. O resultado e os premios foron os seguintes.

23.11.09

25 DE NOVEMBRO DÍA INTERNACIONAL
DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA
CONTRA A MULLER

No ano 2000 a Asemblea Xeral da ONU aproba unha resolución que establece o día 25 novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
O 25 de novembro de 1960 foi a data na que as tres irmás Mirabal foron violentamente asasinadas na República Dominicana polo seu activismo político. Convertéronse en símbolo da loita pola erradicación da violencia contra as mulleres, primeiro en América Latina e dende o ano 2000 en todo o mundo. Se picas no selo poderás atopar máis información sobre elas.
A fixación desta data significa o recoñecemento mundial dunha inxustiza: a violencia de xénero.
Moitos cantantes e artistas falan nas letras das súas cancións deste problema. Aquí tes algunhas. Se coñecedes algunha máis podedes incluílas nos comentarios.

21.11.09

LER XUNTOS POR PRACER
Lemos porque temos necesidade de historias, queremos saber cousas e coñecer a nosa cultura.

Comezamos unha nova actividade organizada desde a biblioteca: Hora de Ler. Para experimentar implantámola nos grupos de 1º de ESO, que ao parecer están moi ilusionados. Cada alumno e cada alumna, e os profesores e profesoras que participamos na experiencia, trouxemos un libro, cómic, revista… das nosas casas, ou escollémolo entre os materiais da biblioteca. Parece que moitos aínda prefiren ler en castelán! Preparamos unhas caixas para gardalos e repartimos uns marcapáxinas para saber onde deixamos a lectura.

Así, durante un tempo, os luns e os venres ao volver do recreo, leremos xuntos e viaxaremos coa imaxinación por onde os libros queiran levarnos. Xa vos contaremos como vai a experiencia.

17.11.09

LECTURA, ESE MILAGRE
Unha foto coma esta pode decir moitas cousas sobre a lectura e os seus milagres (como ben sabe Ana). Pouco importa se non se entenden os debuxos e as letras que poida haber impresas. Importa a relación co libro e cos outros seres humanos. A lectura non só ten unha dimensión informativa, ten unha importantísima dimensión afectiva, como recolle a foto.
Logo, máis tarde, pódenche pasar cos libros cousas estrañas, como lle pasa a este rapaz do vídeo. Onde rematan as historias dos libros e onde comezamos nós?


(Vía "Trafegando Ronseis" a través de Biblioblogs Escolares)

14.11.09

UN CAPÍTULO MÁIS
Xa temos un novo capítulo da nosa historia andante. A cousa complícase coa aparición de novos personaxes. Podes continuar a lectura premendo no libriño que tes na columna dereita, xa sabes.
E se te atreves a continuar a historia...

12.11.09

ENTREGA de PREMIOS
Fai un par de días fixemos a entrega dos premios do Samáin/Halloween deste curso. Gustounos moito entregalos porque houbo unha boa participación e un nivel bastante alto.
Xa podedes ver, polas caras que se ven nas fotos, que os gañadores tamén estaban bastante contentos. Noraboa a todos/as!

Entrega Premios Samaín 09 on PhotoPeach

10.11.09

UNHA HISTORIA A MOITAS MANS
Hoxe tivemos un nacemento na biblioteca. Naceu unha historia que, coma todos os recén nacidos, non sabemos moi ben por onde irá, con quen se atopará no camiño, como medrará, e moito menos como rematará.
Podedes seguila picando no libriño que tedes na columna da dereita. E xa sabedes, se queredes formar parte dela e axudala a medrar, non tedes máis que apuntarvos na biblio ou mandar un correo indicando o voso nome e curso.
Que medre ben!

9.11.09

A CAÍDA DO MURO
Hai hoxe vinte anos caía o Muro de Berlín, símbolo da guerra fría entre a URSS e EEUU que dividía Berlín en dúas zonas: oriental e occidental. Este muro de 45 quilómetros impediu durante 28 anos a libre circulación dos cidadáns alemáns polo seu país, e provocou a separación de moitas familias e a morte de moitos dos que intentaron saltalo. Empezou a ser derrubado a noite do 9 de novembro de 1989 ante os ollos atónitos dos espectadores de TV e dos cidadáns alemáns que o contemplaban "in situ".
Aquel día semellaba que o mundo era máis libre. Pero o tempo pasa e a historia repítese, e volven a construírse muros, a maioría invisibles, e, polo tanto, cada vez máis difíciles de derrubar. Con todo aquel 9 de novembro era o final dunha época.
Pode ser unha boa ocasión para lembrar aquel muro ao que cantaba o grupo Pink Floyd, que x alá xa polo 1979 falaba doutras formas de aillar á xente.
Vía "biblioblogs escolares", a través de Antonio Alonso.

4.11.09

ARAOS CON CORAZÓN DE TINTA
Logo de que os araos maiores botaran a voar fai uns días, tocoulle o turno aos araos 'pequenos', aínda que algúns xa non son 'tan' pequenos.
O primeiro voo non estivo mal, xa que nos dedicamos a ver unha peli que non puidemos ver o curso pasado: Corazón de Tinta.
Os que xa leron o libro poden ver as diferenzas. Os que non o leron poden disfrutar da lectura e ver todos os detalles que non caben nunha peli. Para todos por igual dicir que a historia continúa con dous libros máis: que pasará cando "os que quedaron aquí" entren no "mundo de tinta"...?


2.11.09

ASTERIX E OBELIX
Asterix e Obelix naceron un 29 de outubro de 1959. Cumpríronse 50 anos e para celebralo publicouse un novo álbum. Todos os personaxes envelleceron, sobre todo os protagonistas. Obélix non está de acordo e quéixase ao debuxante, Albert Uderzo, que agora xa ten 82 anos.
Este novo álbum leva o título de O aniversario de Astérix e Obélix. O libro de Ouro. Esperamos que chegue pronto aos andeis da nosa biblioteca! Para celebralo imos sacar a pasear os títulos que xa temos para que disfrutedes con eles.

31.10.09

MEDO ME DEU!
Que medo pasei este venres, na biblio, durante a entrega de premios dos micro-relatos e de ilustración!!
Menos mal que logo entregamos os premios do concurso de cabazas e xa a cousa foi algo máis tranquila.
A verdade é que temos que felicitar ao alumnado de 1º ciclo, que tivo unha moi boa participación, en cantidade e, sobre todo, en calidade. Tanto foi así que o xurado tivo auténticos problemas para decidir a cal outorgarlle o premio. Finalmente, e dada a case nula participación do alumnado de 2º ciclo, (para desesperación do bibliotecario) decidiron repartir dous premios, en lugar dun, tanto para os contos en castelán como en galego.
Esperemos que os que tan ben o veñen facendo neste curso continúen así en anos sucesivos.
Os traballos premiados podedes velos no Recanto Literario, e unha mostra das cabazas e pantasmas, neste vídeo. En Pedras do Vilán podedes ver unha entrevista coas gañadoras do concurso de cabazas. (As fotos na biblio, para quen queira copialas)

De Películas

25.10.09

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES
Non foi mal xeito de celebrar o día das Biblios Escolares! Máis de mil (si, si, liches ben: máis de mil) profesores/as, encargados e colaboradores das Bibliotecas Escolares de toda Galicia, xuntámonos en Santiago a tarde do venres e todo o sábado, para escoitar aos mellores especialistas, e para escoitarnos entre nós, falando de algo que tanto nos gusta e que tan importante nos parece; cada vez máis!
Hai que seguir mellorando e, sobre todo, hai que seguir poñendo ao alcance do alumnado, profesorado e familias, os mellores recursos cos que contemos para axudar a aprobar, si, pero sobre todo para axudar a que cada un, cada unha, chegue a ser a mellor persoa posible.
Grazas, coma sempre, a Cristina e Pilar, da Asesoría de Bibliotecas, pola organización exquisita, e por todo o traballo inmenso que veñen facendo dende hai anos.
Aquí podedes ver algo do ambiente que alí había:

21.10.09

Adultos primeiro
Desta volta botaron a voar antes os Araos adultos. Algunha vez tiña que tocarlles! E ademais empezaron con peli incluída. A que dan envexa!!
Pois para 'animar' máis a ler, déixovos aquí un vídeo moi "animado". Aínda que sexa publicidade dunha editorial, expresa moi ben o que nos pasa as veces cando entramos de cheo nun relato.
Pasouche algunha vez?? Xa me diredes.

18.10.09

QUEREMOS GALEGO
Houbo hoxe en Santiago unha manifestación a favor do galego, convocada pola plataforma "Queremos Galego", que suma o sentir, e o esforzo, de ata 5 plataformas diferentes co mesmo interese: defender o noso idioma. Non importan ideas políticas nin de partido: galegos somos todos. A manifesrtación non vai contra ninguén e si a favor de todos. Todos sumamos en galego!
A asistencia foi enorme. Xente de todas partes do país que nos xuntamos nunha marcha multitudinaria, probablemente tan grande, ou máis, que a do Prestige. Só falta que os políticos que dirixen actualmente o país escoiten.

17.10.09

Comeza a viaxe
Xa botaron a andar as Mochilas Viaxeiras deste curso. Coma sempre, comenzamos por primeiro, que hai que ser amables cos que están recén chegados. Os dos demais cursos podedes apuntarvos nas vosas clases ou directamnente na biblioteca.
Xa sabedes que as preparamos para toda a familia e que podedes telas nas casas dous fins de semana seguidos. Os interesados en quedarse con algún dos exemplares que viaxan non teñen máis que avisar á hora da devolución da mochila.
Esperamos que guste a idea nas casas e esperamos recibir moitos comentarios na libreta que vai dentro. Para nós é importante saber as opinións e suxestións dos que reciben a mochila na casa.
que teñan boa viaxe!



13.10.09

II Certame de Micro-relatos e Ilustración
Que medo me das...!
Xa está convocado o segundo certame de micro-relatos de medo, o primeiro deste curso.
Hai tamén un certame de ilustración dos relatos, feito(s) polo propio autor/a ou por outro concursante. Tedes as bases nas aulas, nos corredores e, por suposto, na propia biblio. O prazo de entrega remata o próximo luns 26 e podedes mandalos ao correo da biblioteca (que tedes aquí mesmo, na columna da dereita) ou entregalo na biblio en papel ou en lapis de memoria, tarxeta... Recordade de firmar con pseudónimo e entregar o nome real en sobre pechado.
Non teñades medo e animádevos!!

5.10.09

EN FEMININO PODEROSO
Hoxe presentouse oficialmente o equipo senior de balonmán feminino "Encaixe-Camariñas". Todo un luxo!Un proxecto completísimo xestado e concebido por mulleres. Non é que tiveran necesidade de demostrar nada, que todos sabemos do que son capaces, pero se alguén tiña algunha dúbida...Moitas das compoñentes do equipo, e da directiva, foron alumnas deste centro; outras, que aínda o son, chegarán a formar parte del, porque lle auguramos longa vida. Ademais é un equipo que sabe sumar, acollendo xogadoras de varias procedencias, algunhas delas antigas rivais.O saque de honra previo ao primeiro partido de liga fixérono as xogadoras do primeiro equipo feminino existente en Camariñas. Unha estupenda imaxe que demostra a continuidade do deporte e do espírito de esforzo. En feminino!

1.10.09

HOXE PECHAMOS!
Xa é raro que na biblio nos guste pechar; pero hoxe si! Fómonos todos de marcha! Á marcha de Traba a Laxe. Todos xuntos, profes e alumnos, lectores e non lectores, estudosos e non...
Para saber máis sobre o tema visita "Pedras do Vilán", alí está o que esperades.

29.9.09

XA ESTAMOS ABERTOS

Xa está a nosa/vosa biblioteca aberta! Aquí tedes ao equipo de profes case ao completo, (falta o de detrás da cámara), que a fará funcionar durante este curso. Iremos collendo "velocidade de cruceiro" pouco a pouco. Ou non tanto, que pode que antes do que pensades teñamos xa algunha actividade.
Coma sempre, queremos animarvos a usar a biblio, a participar nas actividades que se propoñan, a que fagades as suxestións que vos parezan ben e a participar cos vosos comentarios neste blog. Xa sabedes que as vosas familias tamén están invitadas.
Para todos/as os que usades a biblio, e tamén para os que non...
FELIZ CURSO!!

19.9.09

XA ESTAMOS TOD@S
"Non queremos estar aí, pero queremos estar aí". A que si!! Na cabeza, e no corpo, anda a rebulir esa sención agridulce do comezo de curso: parece que costa botar a andar logo das vacacións, pero ao mesmo tempo sabemos que haberá momentos bós e que estaremos cos amigos e colegas doutros anos, e con outros que irán aparecendo.
Digades o que digades, está claro que as caras non son de tristura. Todos (case) decides que non queredes empezar, pero no fondo...



16.9.09

PRESENTAMOS A BIBLIO
Como levamos facendo xa uns anos, queremos invitar ao novo alumnado e ás súas familias, a que coñezan a nosa/vosa biblioteca, e a que participen nas actividades conxuntas que propoñemos.
Esperamos que se apunte moita xente e que todos vos atopedes a gusto no centro e na biblioteca. Tamén intentaremos axudarvos, durante os anos que esteades no instituto (e incluso máis) a superar canta dificultade atopedes.
Se queredes ver o contido da carpeta que entregamos na reunión, picade na foto.
BENVIDOS!!

16.7.09

DEZ ANOS DE INSTITUTO
Unha vez acabado o curso e en plenas vacacións pode non ser mal momento para colgar aquí o vídeo recordatorio dos dez anos de vida que xa levamos no noso instituto. Quixemos colgalo antes pero había problemas 'técnicos' (polos casi 2o minutos que dura) e pouco tempo para arranxalos. Agora que hai tempo xa poidemos solucionalo.
Dende a súa inauguración, a biblioteca tomou o papel de 'memoria gráfica e visual' do centro, e dese traballo queda constancia neste vídeo. 10 anos son difíciles de encaixar en 20 minutos e seguro que quedaron cousas sen poñer e seguro tamén que non aparece xente, e momentos, que deberían estar; para eles o noso recordo.
FELIZ ANIVERSARIO!

10 anos no IES Pedra da Aguia from Libraco on Vimeo.

5.7.09

ESTAMOS DE VACACIÓNS
Xa estamos en xullo: vacacións!
A biblioteca quere depedirse e dexesarvos un feliz verán, con sol, praia, festas e...libros!
Aquí debaixo vos deixo unhas imaxes-resume dalgunhas das cousiñas deste curso que tiveron relación directa coa biblioteca, amenizadas coa canción que máis me gusta de Jacko. Tamén hai engadida algunha foto máis na última entrada de Pedras do Vilán.

De Películas

23.6.09

SAÍDAS DE FIN DE CURSO
Xa tedes en Pedras do Vilán algunhas das fotos do último día de curso. Ide con coidado que algunhas delas están molladas!

20.6.09

FALTAN FOTOS!
Non hai como deixar de facer algo para que a xente o bote de menos: faltan unhas fotos e entón si que aparecen comentarios no blog! (e si non mirada na entrada de abaixo).
En fin, que non sempre se pode andar á última. Pero intentaremos correxirnos, que para iso valen as broncas que nos bota o alumnado!!
As 'afotos' das que falades, e outras, están en Pedras do Vilán, que é o blog das actividades que non son da biblio, OK?

16.6.09

UN VERÁN DE LIBRO
Xa tedes á vosa disposición a guía de verán deste curso. Van recollidos nela unha serie de libros recomendados e de novidades acabadas de chegar á nosa/vosa biblio. Tratamos de dar unhas ideas que nos parece que poden funcionar, pero xa sabedes que podedes atopar moitos outros títulos nos andeis.
E non olvidedes que tamén pode ser de interese para a xente da vosa familia, que cada vez somos máis os "raros" que lemos libros. Xa sabedes que durante estas vacacións podedes levar ata 5 libros!
Hai mellor tempo para ler a gusto que o verán??

11.6.09






AS LINGUAS SUMAN
Este tríptico informativo foi elaborado pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. Pensamos que pode ser de interese para os pais, para a comunidade educativa e para toda a sociedade en xeral. Nós queremos defender o dereito dereito dos nenos e nenas que educamos a ser igualmente competentes en galego e castelán, segundo se establece no actual Decreto, no que tanto tempo vimos a traballar sen ningún conflito. Pica no tríptico para poder lelo.

6.6.09

XORNADAS DOS CLUBS DE LECTURA 2009
Celebrouse este venres 5, en Santiago, a xornadas dos Clubs de Lectura deste ano. Coma sempre, como nos teñen acostumados Cristina e Pilar, a organización foi perfecta (grazas!) e os conferenciantes de alto nivel. Empezamos escoitando a Mireia Manresa (da Universidade Autónoma de Barcelona) e profesora de Secundaria falando sobre os hábitos lectores dos adolescentes (algunha vez acordeime dalgún que me sei eu). Rosa Aneiros falaounos da súa experiencia de autora asistindo a Clubs de Lectura (imos ter que incluir algún título seu nos nosos clubs) e logo escoitamos a catro compañeiras/o falando dos seus clubs, da práctica diaria (meu deus, canto traballiño!). Mercedes Caballud e Carmen Carramiñana puxéronnnos os dentes largos falando da experiencia "Leer juntos" na vila de Ballobar (Huesca) onde teñen prácticamente a medio pobo ligado aos clubs de lectura e incluso exportan a experiencia a outros lugares. Impresionante!
É unha lástima que a estes encontros non poidamos ir máis xente, profes alumnos e pais. A máis de un encantaríalle.

1.6.09

CHEGAN OS PREMIOS
Hoxe no recreo fixemos entrega dos premios do Sabías que...? deste ano que, aínda que algún non o crea, incluían libros! Tivemos que andar a cazar aos 'afortunados' que, con tantas calores, andaban perdidos polo patio adiante. Tampouco foi fácil facerlles as fotos, que xa se sabe que: ai, non profe, a min non!! pero en fin, aquí tedes unha mostra do que pasou:


DE FARO A FARO
Un avisiño para os da excursión as Cíes, que por fin está colgada a entrada en Pedras do Vilán. Máis vale tarde que nunca! (Ou eche o que hai! que din outros)

31.5.09

UN MURAL MULTICOLOR
Parece que cada ano o do mural vai conseguindo máis notoriedade. O curso pasado aparecemos nunha revista internacional e este curso na TV. Acabaremos colocando un destes murais nun museo?? Con Javier á fronte da actividade pode pasar de todo!
Aquí tedes algunhas imaxes do proceso e, se queredes ver a emisión da TVG non tedes máis que picar aquí.

BubbleShare: Share photos - Easy Photo Sharing