22.12.19

Espazo maker, espazo de xogos!

A xornada do 20 de decembro é sempre unha mañá distinta! Este ano, despois das diversas actividades creativas desenvolvidas polos departamentos de Inglés, Música e Matemáticas, a Biblioteca ofertou un tempo de xogo cooperativo arredor de novas adquisicións como son as nosas caixas de "brainbox" coas que poñer a proba a nosa capacidade memorística! Seguro que xa sabemos máis cousas sobre Australia, Tokyo, Cuba ou Río de Janeiro! Moi recomendables estes xogos...
Por outra banda, os máis clásicos tamén apostaron polas damas e o xadrez que gozan de bastantes seguidores e seguidoras.
Se queres ver imaxes desta xornada de aprendizaxe non formal, preme AQUÍ.




Unhas vacacións de lectura!


O noso equipo de voluntariado vén de elaborar o folleto de inverno coas recomendacións lectoras, e non só.  Queres coñecer algunhas das novidades editoriais que acaban de entrar na biblio? Apetéceche rescatar algún clásico para revivir algunha historia fascinante? ...e cinema? Coñeces os últimos filmes que temos?... Pois bótalle unha ollada á escolla feita polo voluntariado de lecturas e cinema... E que chova!

E lembra que se quixeras mercar algún destes títulos, as librarías do comercio local sempre son unha boa opción!!

Para ver o ben que traballou o noso equipo de colaboradores/as preme AQUÍ























Xordania, terra de acollida


Trala recollida do premio Vicente Ferrer en Madrid, o pasado 14 de novembro, celebrouse no instituto unha última xornada en relación coa experiencia formativa en Xordania, país ao que viaxaron dúas profesoras en representación do centro, para coñeceren en terreo varios proxectos de cooperación para o desenvolvemento que a AECID, a Agencia Española para la Cooperación Internacional y Desarrollo, promove en Oriente Medio.
A biblioteca, que foi parte do equipo dinamizador do proxecto premiado, organizou unha mostra de fotos tiradas durante a visita a campos de refuxiados palestinos e sirios, escolas e proxectos sociais (emprendemento, rehabilitación de mulleres vítimas de maltrato...), que foron explicadas ao alumnado, previamente homenaxeado cunha entrega de diplomas polo seu traballo durante o curso pasado no proxecto gañador.
Así luciu esta mostra na entrada da nosa biblioteca con imaxes tiradas durante a estancia no país e cartelas explicativas con información dos programas cooperación. 
Se queres ver máis imaxes da experiencia, preme AQUÍ.

1.11.19

Polo Samaín, botamos un conto!



O Samaín chegou un ano máis ao noso instituto, e o alumnado de 1º e 2º ESO protagonizou toda unha sesión de narración oral que prestou a adultos e pequenos. A actividade comezara xa días atrás coa preparación da sesión de contos, escollidos desde os Departamentos de Lingua Galega e o equipo de DNLG, para dar a coñecer e traballar relatos enraizados na nosa tradición. Xa logo, desde as titorías, artellouse a dramatización das historias, a caracterización e a posta en escena. En relación a isto, hai que destacar o papel do voluntariado da Biblioteca Escolar que fixo unha ambientación moi creativa no multiusos do instituto: unha gran arañeira pendurada do teito, que co xogo de luces  vestiu todo un espectáculo cheo de lápidas, follas de outono, cirios e cheiro a castañal.

Parabéns a todo o alumnado e profesorado que colaborou activamente para facermos posible a nosa primeira actividade conxunta! Que veñan máis!



13.10.19

Premio Vicente Ferrer tamén para a Biblio Escolar!

O IESP Pedra da Aguia acaba de ser recoñecido co Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento “Vicente Ferrer”, convocado pola Agencia Española de Cooperación Internacional, que recoñece o labor desenvolvido arredor da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable impulsada pola ONU. De entre os seus obxectivos, o alumnado escolleu a Igualdade e a desigualdade de xénero para traballar ao longo de seis meses desde o Plan Proxecta O Mundo que Queremos, que convoca a Consellería de Educación.
Foi tempo de experiencias con diversos medios de creación e comunicación como o audiovisual, o teatro, a radio, a cartelería, a escrita creativa... impulsadas de xeito interdisciplinar desde os departamentos de Lingua Castelá e Ciencias Sociais, coordinadas desde a Biblioteca Escolar, e co apoio de todo o centro. O resultado foi un proceso de aprendizaxe enriquecido polos traballos do alumnado en prol da igualdade social e de xénero nas súas múltiples facetas e concretado nunha mostra final o pasado maio, na que deron a coñecer a toda a comunidade educativa as conclusións e reflexións dos seus traballos.
Con este recoñecemento o IESP Pedra da Aguia terá a súa experiencia de boas prácticas educativas publicada xunto coas outras quince seleccionadas a nivel estatal, e todas serán obxecto de divulgación durante unha estadía en Xordania, onde o profesorado responsable deste programa poderá coñecer de primeira man os proxectos de cooperación para o desenvolvemento que a AECID ten radicados nese país.

6.10.19

Anímate co vountariado da Biblioteca Escolar!


Es unha persoa creativa? Gustache participar e axudar nas actividades que se fan ao teu redor?... Es ti quen as propón? Tes ganas de axudar na biblio e coñecer e relacionarte con máis estudantes do instituto? 
Se respondes "si" o voluntariado da Biblioteca Escolar é o que estás buscando!

Anímate a asistir á xuntanza do vindeiro martes, 8 de outubro no 2ºrecreo... e alí explicaremos polo miúdo en que consiste facer voluntariado na nosa biblio escolar! Vén!... Vale a pena!

5.10.19

Orgullosas do noso voluntariado!


Non estiveron todos e todas porque moitas de vós acabastes 4*ESO, mais unha boa mostra do noso equipo de voluntariado recibiu esta semana o seu diploma.
Alá van horas de implicación ao coidado das actividades da biblio e de tanta, e tan necesaria, convivencia. Facer voluntariado conéctate coa comunidade da que fas parte, e permite que as túas propostas axuden aos demais! 
Parabéns a este alumnado tan traballador e comprometido!
Verémonos na seguinte edición 19-20? ;-)

A Biblioteca facédela vós!





Hoxe no recreo tivemos unha visita importante. Todo o alumnado de 1*ESO visitou a biblioteca para recoller o carné de lectura. Tamén o profesorado que se incorpora neste curso terá o seu.

Gañamos novos socios e socias para seguir sumando á nosa comunidade lectora! Que máis podemos pedir? ...Que sigades con atención as propostas da biblio para este curso!

Agora si. Comezamos! 

22.9.19

Empezando con bo pé!


E chegou setembro e con el o inicio do novo curso escolar! O pasado luns, as portas do IESP Pedra da Aguia abríronse para recibir a toda a comunidade educativa, especialmente ao novo alumnado de 1ª ESO e ás súas familias. Quixemos darlles a benvida a un centro que quere ser tamén un pouco deles e delas. A primeira hora da mañá, no salón multiusos a Directora foi presentando ao equipo de profesorado e deu indicacións sobre o funcionamento xeral do centro. Seguidamente, o equipo de biblioteca participou explicando cal é a filosofía e as actividades que se desenvolven nela, destancando os Clubs de Lectura e o Grupo de Encontro para as familias, ambas iniciativas con moitos anos de arraigo no instituto, e que contarán este ano con novas incorporacións. Dezanove familias máis participarán este curso neste espazo de encontro para falar de adolescencia, facendo medrar a comunidade do Pedra da Aguia.
Alumnado, profesorado, persoal non docente, familias… Todos e todas listas para nos embarcar no novo curso que empeza! Avante toda!

22.6.19

BOA VIAXE!!
Outra promoción que marcha, outros camiños que andar, outras vidas que vivir!
Esta é a última promoción que tivo que aguantarme dous cursos completos! Non quero decir que é unha promoción especial porque sería como traizoar outras promocións das que gardo tan bo recordo, pero si que son un pouco como unha promoción "resumo" de tantos anos compartindo con eles e elas días de clase, días de festa, nervios, cabreos, viaxes, libros, alegrías...
Espero que todo lles vaia ben, que atopen boa xente que coñecer, que sepan facer boas eleccións e que atopen o seu sitio no mundo que lles toca vivir. Espero que se marchen coas ferramentas suficientes para ese camiño do que falamos. E espero tamén que me perdoen esta pequena broma do vídeo que aquí deixo! BOA VIAXE, CHIC@S!

12.6.19

Charo Sánchez-Gabriel
Hoxe sobrecolleunos o pasamento da compañeira Charo Sánchez-Gabriel, responsable que foi da biblioteca escolar do IES Sánchez Cantón de Pontevedra.


Querida compañeira, querida amiga.
Vimos de saber do teu pasamento e non podemos menos que dedicar uns intres na túa lembranza.

Hai tempo que faltas na familia PLAMBE que ti contribuiches a fundar. E xa daquela faltounos o teu humor fino, a túa intelixencia aguda, a túa ironía elegante, a túa mirada diversa, a túa man comprensiva, o teu gusto pola exploración en calquera territorio, o teu espíritu de pioneira, e o teu amor pola Lingua que abrazaches como propia e defendiches con máis forza que moitos dos seus fillos.

A túa forma de estar no mundo, sempre curiosa e sensible, sempre atendendo a todo con esa atención aparentemente distraída foi un exemplo para quenes tivemos a honra de tratarte.

Xa daquela, cando a enfermidade se cruzou no teu camiño deixáchesnos, no universo da Bibliotecas escolares de Galicia, un valeiro irreemplazable.
Pero o de hoxe é difinitvo: non só nos faltas a nós, fáltaslle ao mundo. Co que precisamos neste momento xente coma ti!

As Bibliotecas Escolares de Galicia, chórante.

Os que te coñecimos, despedímoste con amor e cun sorriso ao tempo que enviamos un abrazo cariñoso á túa familia.

Os que non tivéchedes a honra de coñecela, podedes achegarvos á súa maneira de entender o mundo paseando polo blogue que creou: Mesturas.

Ata sempre, Charo!
Pilar Sampedro, Carmen Suárez, Isabel Vázquez, Beni Nerga, Emilio Roca, Olga Rodríguez e a familia PLAMBE

9.6.19

Actividade final de O Mundo que Queremos e a Biblio ten sección propia!

Chegou o día e despois de tanto traballo e preparativos, só nos quedaba gozar do momento... E con máis ou menos nervos, o equipo de alumnado de O Mundo que Queremos fíxoo xenial! Un orgullo ver o ben que vos desenvolvedes! Explicar cada unha das actividades, acompañar ao resto de compañeiros e compañeiras por todo o centro para mostrarlles o voso traballo de todo un curso, coidar de que todo saíse ben... E como colofón final, Lara González e Érika Blanco facendo balance de todo o programa e convidando a toda a comunidade educativa a sumarse a eses pequenos xestos que fan posible grandes cousas! O esforzo pagou a pena! As profesoras que guiamos o proxecto estamos moi orgullosas do voso resultado!
Parabéns a todos e todas vós! ...e por suposto, ao alumnado do club de lectura que estivo fabuloso na parada 6 co seu espazo para a reflexión con cada un dos grupos da ESO.
Se queres recordar todo o camiño realizado ao longo destes últimos meses, preme AQUÍ para o Prezi do acto de clausura... E se prefires ver un vídeo repaso dos mellores momentos, AQUÍ.

4.6.19

ANTÓN FRAGUAS. LETRAS GALEGAS 2019

Dedicamos este ano o Día das Letras Galegas a  Antón Fraguas (Cotobade, 1903- Compostela, 1999) por ter sido un... incansable historiador, etnógrafo, antropólogo e xeógrafo galeguista. Por terse involucrado e ser membro dos máis destacados colectivos e institucións en favor da lingua e cultura galegas do S. XX: as Irmandades da Fala, o Seminario de Estudos Galegos, o Instituto Padre Sarmiento e a Real Academia Galega .
E porque os seus traballos sobre ritos e tradicións, oralidade, Arqueoloxía, Arte, Historia e Xeografía, constituíron unha achega científica ao eido das Humanidades en Galicia.
Se non o coñecías, agora xa non poderás dicir o mesmo... e recorda que, tal e como el a considerou, na lingua que falas colle un mundo enteiro de coñecemento.

Feliz día das Letras Galegas 2019!

Centóns a centos!


Preguntarédesvos que é un centón… pois para nós un pretexto para achegar a poesía á rapazada creando poemas propios a partir de versos prestados. Silvia Plath, Daphné B., Las Sinsombrero ou Carlos Negro, son algunhas das voces que inspiran os catro centóns resultantes en cada unha das linguas de estudo no noso instituto.  Os textos de partida non foron escollidos ao chou, senón que gardan unha conexión temática: o universo feminino e a loita por facer visible as desigualdades que o rodean.
 A partir destes poemas de autoría variada, o alumnado foi escollendo aqueles versos que lle resultaron máis significativos para ir creando un novo texto poético.
Esta actividade é unha pequena experiencia de colaboración entre os Departamentos de Linguas do instituto no marco da Biblioteca Escolar, que á súa vez se integra no programa O Mundo que Queremos, que estamos traballando este ano.
Verso a verso colleron forma para seren inaugurados o 23 de abril, Día Internacional do Libro.

Parabéns ás profesoras e ao alumnado polo traballo!

Charla con Arelas e os colectivos de El Salvador. Visita Sur tamén na Biblioteca!


No marco do programa O Mundo que Queremos no que participa a nosa biblioteca, iniciamos abril cunha visita excepcional: os colectivos ORMUSA e CONCAVIS TRANS chegan da outra beira do Atlántico, para presentarnos como é a loita polos dereitos civís da muller e do colectivo LGTBI en América Latina, concretamente en El Salvador. Estamos convencidas de que a proximidade e o relato en primeira persoa sempre chega mellor e move conciencias.

Nesta mesma liña, ARELAS, asociación de familias de menores trans, ofreceunos unha charla sobre a realidade dos adolescentes trans aquí en Galicia. Outro relato en primeira persoa que nos deu unha lección de humanidade, a toda a comunidade educativa que asistiu durante a mañá e á tarde, no Grupo de Encontro de Familias que organiza a Biblioteca Escolar.

Sen dúbida, estes encontros servirán para coñecer mellor unha realidade distante só aparentemente, coa esperanza posta en educar actitudes máis tolerantes ante a diversidade sexual.

Aquí vos deixamos as webs destas tres asociacións para quen tiver máis curiosidade sobre o traballo que desenvolven:



Encontros de Bibliotecas Escolares, obxectivos 2030 e a nosa Biblio


A finais do mes de marzo, o persoal da Biblioteca Escolar do IESP Pedra da Aguia asistiu ás Xornadas de Encontro das BE de Galicia. Sempre atopamos inspiración no traballo e suxestións de tanto profesorado que traballa para dinamizar as biblios dos centros de ensino. Como sorpresa, nesta edición, a ponencia de Alicia Sellés titulada “Bibliotecas e Axenda 2030, tamén na escola” durante a cal reflexionou sobre o rol clave que as bibliotecas xogan para o acceso á información e, por tanto, para o desenvolvemento das persoas e das comunidades no contexto da Axenda 2030 (cultura, coleccións e recursos pertinentes, alfabetización dixital e informacional, conectividade e acceso a contidos, espazos seguros e plurais/neutrais, aprendizaxe autónoma e ao longo da vida) A nosa biblioteca sábeo ben e por iso é parte importante do traballo interdisciplinar que estamos a desenvolver no Plan Proxecta deste ano, O Mundo que Quremos.

29.4.19



Xa temos gañadoras do Concurso de relatos do departamento de L. Castelá!

A escritura é unha arte capaz de transportar ao lector a outra realidade, de facelo imaxinar as súas personaxes, de evocar olores, sensacións; en definitiva, de emocionarnos. Tamén é certo que non todos os escritores son capaces de logralo, mais neste certame temos que recoñecer que houbo participantes que nos fixeron sentir e que non nos deixaron indiferentes cos seus relatos, pero tivemos o difícil reto de seleccionar aos mellores, é así foi como a balanza se decantou por tres relatos fascinantes de tres narradoras:
PRIMEIRO PREMIO DA CATEGORÍA A: Paula Vázquez Blanco (1º ESO B)
PRIMEIRO PREMIO DA CATEGORÍA B: Érika Blanco Novegil e Marta Baña Cerdeiras (3º ESO B)
As profesoras do Departamento de Lingua Castelá queremos facer un recoñecemento especial ás tres persoas que, xunto con nós, formaron parte do xurado e nos acompañaron nesta aventura literaria, elas son: María Varela Liñares (profesora de Francés) e Fátima Lema e Mónica Pose (nais de alumnos do centro); tamén queremos agradecer a presencia de Ana Ignacio e Susana Álvarez, por acompañar as súas titorandas na recollida do premio e, en definitiva, a toda a comunidade educativa implicada neste concurso. 
Despedímonos de todos vós ata a próxima convocatoria e advertimos de que nos próximos días publicaremos os tres relatos gañadores para que gocedes deles tanto coma o xurado tivo a oportunidade de facer!



26.4.19


Unha visión poética de internet
Desde comezo de curso tiñamos en mente poder contar con Carlos Negro na biblioteca. A poesía estivo algo “esquecida” como lectura nos diferentes clubs pero este ano decidimos que debía ser incluída, e de forma preferente, nas nosas lecturas. Se temos un poeta do que os seus libros saen e entran dos andeis continuamente é Carlos Negro. Poeta galego, próximo e directo como os seus textos. Participamos no Programa de Encontros Literarios do Ministerio de Educación e aquí estivo connosco. Pola mañá cos máis de 60 alumnos e alumnas que forman os diferentes clubs e pola tarde co club de adultos. Un día moi agradable que nos achegou máis a este xénero e que conseguiu facernos ler entre liñas e silencios e non só con palabras, removendo sentimentos e emocións. Grazas Carlos!


27.2.19

Homenaxe a Rosalía 2019


Rosalía está feita unha moza! 140 anos non son nada!
Se non existise unha data para ela, habería que programala. Sendo a primeira  autora en ser homenaxeada no día das nosas Letras, pola súa trascendencia, era ben merecente dunha xornada propia. Niso estamos, conmemorando o día do nacemento de quen poetizou con valentía hai máis dun século, o amor... non sempre feliz, a situación da muller ou problemáticas sociais que afectaban á Galicia de antes ou de hoxe, segundo se mire...
 Desde a Biblioteca, en colaboración cos departamentos de Lingua Galega, Lingua Castelá, o Equipo de Dinamización e Normalización da Lingua Galega, e o departamento de Música, quixemos organizar un tempo e un espazo, para para dar voz e continuidade ás inquedanzas da autora de Padrón.




O acto consistiu no recital dunha escolma de poemas a cargo do alumnado. O recital estivo acompañado musicalmente por Federico Vázquez e Rebeca Romero, á guitarra e ao clarinete, respectivamente. A poesía e a música ligan ben e o ambiente durante o acto foi especialmente emotivo.
A continuación, repartíronse os agasallos do concurso de deseño de botes portalapis  con motivos florais e rosalianos, desenvolvido nos recreos da semana previa no vestíbulo do centro.

...E as gañadoras foron!:

1ºpremio: Paula Vázquez (1º ESO)
2ºpremio: Mouna Thiam (3ºESO)
3º premio: Ainhoa Rego (3ºESO)

Tampouco faltaron uns detalles para todo o alumnado participante xa leran poemas, xa colaborasen no deseño da cartelería para a homenaxe deste ano. 
Velaquí unha mostra da orixinalidade e sentido do humor desta rapazada!





E xa, para poñerlle punto e final, o auditorio cantou a versión de Amancio Prada do poema “Adiós ríos, adiós fontes”, que xa se ten convertido en todo un himno popular.

Esperamos que actividades coma esta sirvan para dar a coñecer tanto a figura, como os valores que inspiraron a obra de Rosalía de Castro entre a xuventude.

Parabéns, Rosalía! ...Por ti non pasa o tempo!


26.2.19

Érase unha vez a Candeloria, o S.Valentín e a caixa dos afectos...

Probablemente unha das actividades que máis gusta entre a rapazada é a redacción das cartas de afecto neste inicio de febreiro! ... A quen non lle agrada recibir un verso, unha pequena felicitación ou, simplemente, unhas palabras sinceras de alguén coñecido ou non tanto? Pois iso é ao que se dedicou o noso alumnado durante os recreos nesta biblioteca: a escribir e decorar textos para agasallar aos seus amoriños diversos entre a Candeloria e o S. Valentín. Teñen boa maña para estas cousas!
Velaquí unha reportaxe fotográfica cos mellores momentos!

Tres meses para quererse máis!



Remata xaneiro e desde a Biblioteca Escolar encaramos un trimestre cheo de celebracións arredor dos  sentimentos  con datas previstas para o mes de febreiro e marzo. As nosas propostas concretaranse durante a primeira quincena cunha “caixa dos afectos” onde o alumnado poderá depositar as súas cartas de amizade e amor co gallo da celebración da Candeloria e do S. Valentín. Pero a cousa non remata aí, contra o final de mes, o día 25 de febreiro, habemos renderlle homenaxe á poeta das poetas en lingua galega: Rosalía de Castro, unha namorada da cultura e do pobo galego.
Xa en marzo, agárdanos unha data esperada, a visita de Carlos Negro para falarnos da súa obra poética “Aplicación Instantánea”...
De momento,  o mural da entrada á biblioteca xa cambiou a súa apariencia para adaptarse a tanta expresión de emocións e sentimentos... neste caso pola lectura!

 Sen dúbida, será un trimestre emocionante!