25.12.16

IMOS POR ORDE!
E é que aínda hai un par de cousiñas pendentes. Por exemplo o vídeo de 2ºA facendo o reto maniquí, que estaba por colgar. Pois aquí está, titulado "Un 'segundo' de quietude". Será porque é a única forma de que estén quietiños na clase?? Todo pode ser!
Tal vez se os enganamos e decimos que facemos un `maniquí' mentres explicamos o pasado continuo... igual cola!!

24.12.16

BOAS FESTAS E FELIZ 2017
Para todo o alumnado do Instituto, co desexo de que teñades un curso moi bo, traballando o necesario, aprendendo moito, e cunhas notas fabulosas a final de curso!
Con gañas de que teñades unhas moi Boas Festas e un Estupendo 2017. Pica na foto se queres velo.
Con moito cariño
 
http://www.jibjab.com/view/FoVAxtoGQVeWwyejosTaiA

21.12.16

DE MOMENTO
De momento porque aínda quedan un par de cousiñas por publicar deste 2016, aínda que as vacacións xa están. Pero quería eu deixar algo escrito aquí hoxe mesmo.

Escribo desde o desbordamento. Desbordamento de emocións e de sentimentos intensos que me veñen invadindo desde esta mañá.
Quero dar as grazas a todos, polo afecto demostrado neste día que será imposible de esquecer. Grazas a todo o alumnado (incrible o desta mañá!) Grazas aos que estabades alí e tamén a todos aqueles aos que tiven a sorte de dar clase e que hoxe sentín representados en vós. Que dicir? Sodes estupendos!

Grazas aos compañeiros e compañeiras que hoxe tantas mostras de cariño me deron. Grazas polo afecto, grazas polos agasallos, polas dedicatorias e grazas por ese cartel enriba da porta, por esa honra inmensa que me facedes. E quero dicir tamén que cousas coma esta non as fai unha persoa en solitario, que en todo o que poida levar feito neste instituto nunca estiven só. Sempre é un traballo de equipo, dos que aínda están hoxe ao pé do canón e dos que se xubilaron antes ca min.
Este é un gran centro, e o é polas persoas que o compoñen, da dirección ao persoal de limpeza e de todos e cada un dos alumnos que nel conviven. 
A uns e outros grazas por todo, grazas por ser como sodes. Un bico, sempre!
Emilio

18.12.16

CAMPO A TRAVÉS
Todo primeiro e segundo do Instituto (bueno, case todo) estiveron en Cee este venres nas carreiras de Campo a Través. E non foron moi malos os resultados... algunha medalla trouxemos para casa, empezando pola de Carla (ouro) xa na primieira carreira! Pena da de Tania, que a tiña xa no "peto" cando sufriu unha torcedura de nocello e na caída quedou con problemas respiratorios. Pero algunha máis caeu, (verdade, Antonio?) e outras caerán na seguintes fases da competiciónm, seguro!
Graciñas a Paula polo empeño posto nas súas clases de E.F. e aos acompañantes na saída, que fan posible esta festa do deporte. Que haxa moitas máis!



Podedes ver os resulatdos, marcados, aquí.

13.12.16

TODOS QUIETOS!"!
Así de "petrificados" quedaron os Araos de 1º logo de ler e comentar o libro de Xabier P. Docampo "Cando petan na porta pola noite":

8.12.16

ESCAQUES X
Pois si, xa van dez edicións do torneo Escaques de xadrez! Este ano ademais contamos cunha boa representación feminina, o que hai que agradecer ás rapazas de 1º e 2º. Non tiveron grandes resultados pero é máis que probable que os obteñan en ocasións futuras. Tamén foi importante este ano o número de participantes, 22 en total, aínda que algúns abandonaron covardemente o campo de batalla en canto viron que as cousas non lles eran favorables...
O nosos "combatientes clásicos" tiveron máis "guerra" e, como xa ten pasado noutras ocasións, a batalla final tivo lugar no último día do torneo. Emoción e tensión entre Hugo Gómez  e José Vázquez. Ao final a victoria foi a caer do lado do primeiro, que se leva o premio deste ano: un estupendo reló dixital de xadrez.Que o disfrutes, Hugo!

26.11.16

RECITAL POÉTICO
Un estupendo recital, en moitos aspectos, o que disfrutamos este venres, 25 de novembro, no noso instituto. Pechamos así os actos da semana "Contra a Violencia de Xénero", algo sobre o que, como dixo Gabriel, nos gustaría non ter que volver a traballar.
Hai que felicitar a todos os participantes así como aos organizadores, porque resultou un acto precioso. Ademais dos Haikus de primeiro e segundo e os carteis de terceiro e cuarto realizados durante a semana o acto final foi un broche de ouro. Contou cunha estupenda presentación de Gabriel, unhas actuacións musicais fantásticas a cargo de  Xabi e de Carla, co remate final de Charo e cos poemas de Alba, que sempre nos sorprende coa fondura de sentimentos e a mesura e precisión na súa expresión.
Gracias a todos os colaboradores, a Damián nas luces, aos músicos e ao público, que nos deixou sorprendidos e encantados coa madurez demostrada.
NON MÁIS VIOLENCIA DE XÉNERO

24.11.16

CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
Durante esta semana o alumnado do Insti realizou diferentes actividades de sensibilización e toma de conciencia dunha problemática moi preocupante na nosa sociedade. En 1º e 2º ESO, dende a materia de lingua galega, realizáronse uns haikus ilustrados, mentres que en 3º e 4º ESO optouse por un concurso de carteis que se promocionou desde o Grupo da Biblioteca. O venres 25 de novembro terá lugar un recital poético a cargo da alumna Alba S. Canosa, de 4ºB, de poemas propios acompañada ao piano polos alumnos Xabier Lemus (2ºA) e Carla Valiña (3ºA). Serán lidos polos seus autores os seis mellores haikus e remataremos coa actuación ao violonchelo da profe de música, Charo Ureña.
Sería bo que non tivésemos que celebrar este día.

4.11.16


O Pedra da Aguia
mete medo!
Houbo medo, mais ou menos, na tarde-noite deste xoves no noso Insti para pechar o Samaín deste ano.
Logo da comida e dun tempiño de descanso comenzaron as actividades: talleres de creación de terroríficas cabazas, xogos de habilidade e busca do tesouro por equipos e visionado dunha película de terror.
Unha vez repostos do susto cunha boa cea, chegou o punto máis esperado:  “A Espeluznante Contada de Contos de Medo” á luz das velas, xa na noite pecha, entre árbores esqueléticas, lápidas e cadaleitos e vixiados moi de cerca por mouchos, curuxas, morcegos e monstros que ameazaban desde o alto. De primeiro a cuarto, cada quen contou unha historia, ou un “sucedido”, a cal máis terrorífico, para logo pasar unha noite inqueda no ximnasio do Instituto, protexidos contra todo mal por un grupo de seis aguerridos profesores e profesoras dispostos a pasar a noite en vela pelexando contra calquera ameaza xurdida do máis alá ou do máis acó.
Felizmente todo rematou sen máis sustos cun bo almorzo antes de retomar a rutina diaria e entrar, cansos pero contentos, na primeira clase do día. Repetimos?
Aquí queda unha mostra. O que queira máis fotos... na biblio, xa sabedes!

14.10.16

ÁNGEL CARRACEDO
Algunhas persoas teñen a capacidade de transmitir non só coñecementos, que tamén, senón actitudes, visións, formas de entender a vida e aos demais. Ángel, certamente, é unha destas persoas.
Temos diante nosa a un dos científicos máis importantes do mundo, que dirixe un equipo absolutamente punteiro a nivel mundial e cóntacho coa mesma naturalidade que che conta, a continuación, canto lle gusta ir pescar a robaliza... Ten unha axenda intensa, con viaxes frecuentes a diversas partes do mundo, Dá conferencias, asiste e inaugura congresos, escribe libros e artigos nas revistas máis prestixiosas e, non me digades como, saca tempo para visitar os centros escolares e demostrarnos a todos que saíndo de Santa Comba (aí ao lado) pódese chegar a calquera lugar... e falando galego.

E para colmo é un namorado desta terra, á que coñece ben (o Faro Vilán non ten ningún segredo para el)  e á que defende. Graciñas Ángel, polo que fas e graciñas por adicarnos o teu tempo. Temos este día anotado no calendario da nosa biblioteca e do noso instituto.

28.9.16

VIVIMOS
CONVIVIMOS
Pois si, temos un curso enteiro por diante para convivir todos nun mesmo espazo. Non é mala cousa, xa que logo, adicarlle un día a ter unha convivencia "distinta", monte adiante, ao aire libre.
Unha boa camiñata une moito, a que si! Profes e alumnos "sufrindo" costa arriba ata chegar ao cumio do monte e que a vista compense o esforzo. Pena dun pouco máis de sol! Pero o certo é que, polo que me contan, todo o mundo pasouno ben e as pernas aguantaron sen problema. Eso debe quere decir que... queremos máis!!

15.9.16

IMOS ALÓ!
Xa está! Xa temos aquí o novo curso! Hoxe foi día de presentacións: nervios, risas, encontros, reencontros... Agora xa sabemos onde está cada quen, con que amigos me toca na clase e a quenes verei nos recreos.
Para uns é a primeira vez que veñen ao centro, con catro anos por diante. Para outros é o último curso que pasarán aquí (saúdos, "abuelitos e abuelitas") e seguro que moitos deles teñen gañas de dúas cousas ao mesmo tempo: marchar e quedar! Marchar a outros centros a facer BUP ou Ciclos, e ao tempo querer quedar porque aquí están ben, xa nos coñecemos, están os amigos... pero é lei de vida! Hai que medrar!
 Para todos, novos e 'vellos' (ji,ji) esperamos e desexamos que sexa un bo curso, que o pasedes ben, que fagades amigos... e que estudiedes moito e aprobedes todo. SORTE!

12.9.16

VERÁN, VERÁN
Agora que estamos a piques de comenzar unha nova andaina escolar, de meternos de cheo nas rutinas invernais, pode estar ben botar unha pequena ollada ao que deixamos atrás, aos días de disfrute. Recordemos como "cargamos barerías" para "atacar" o novo curso con gañas e con forzas. 
Esto é unha pequena mostra. Seguro que vós poderiades engadir moitas máis imaxes, moitos máis momentos que gardades na cabeza, nesa cabeciña "tola" na que intentaremos por un pouco de orde (pouco, tranquis) nos meses vindeiros!


14.7.16

ADEUS, AGUSTÍN
Ata sempre compañeiro, mestre, amigo.
Todos nós quedamos un pouco máis orfos, un pouco máis sós, porque nos deixou unha gran persoa, un home bo que tamén era un gran escritor. Recordarémolo na súa obra, nos seus libros, pero moitos, moitos, sabemos que sobre todo era un gran ser humano. Foi un gran defensor do noso, sempre aberto aos outros, lido en infinidade de linguas partindo sempre de raíces ben ancoradas na terra, escritor grande desde a humildade máis próxima.
Onte todos os congregados nas súa despedida aplaudiamos a súa memoria, querendo pospoñer no aplauso o derradeiro adeus, tentando prolongar a súa presenza entre nós. 
Foi a terceira vez en pouco tempo que vexo a todo o público posto en pé aplaudindo a Agustín, en sinal de respecto, de recoñecemento e, sobre todo, de cariño á súa persoa, como cando, nunha intervención ante centos de representantes de bibliotecas escolares, quixo acurtar o discurso por non cansarnos máis e todos, a un tempo, puxémonos en pé impedíndolle que fixera tal cousa. Ou o aplauso interminable na adxudicación do Primeiro Premio concedido polos Clubs de lectura das Bibliotecas Escolares que tanto agradeceu e que non puido xa recoller en persoa por moito que o intentou. Ese cariño non se gaña só escribindo bos libros... pero lerémolos, os rapaces e rapazas leranos e Agustín estará entre nós.
Ata sempre, mestre. Grazas.

22.6.16

CHEGA O VERÁN
Parece que si, que por fin chega, así que... ala, a deixar os libros no caixón e a coller a toalla!
Último día de curso, para uns cantos último día no instituto, aínda que seguro que han voltar algunha vez de visita.  Un festival de fin de curso con todas as meigas da tecnoloxía polo medio, que non existen pero habelas hainas (agora hai micros, agora non, agora hai música, agora non...).
Música, baile, despedidas, lágrimas furtivas, emocións... vida!  No que me toca persoalmente, dar as grazas ás "miñas" chicas do club de lectura, que souberon "ler" o que é o club, máis aló de comentar uns cantos libros. 
E para todos e todas:
FELIZ VERÁN!!

13.6.16

OS ADULTOS TAMÉN SE MOVEN
Efectivamente, os Araos adultos tamén se moven, que non só o alumnado ten dereito a facer os roteiros literarios. Desta volta fomos seguindo a Neira Vilas, moi querido por nós. Visitamos a súa casa-fundación, en Gres. Resultou unha moi grata experiencia da man de Luís Reimóndez quen, ademais de achegarse a propósito desde Santiago, mostrounos todo con detalle e incluso nos agasallou cun libro sobre o lugar. Libro que fora unha encarga persoal de Neira Vilas para a súa vila natal.
E xa que estabamos aló... por que non aproveitar para dar un paseíño polos xardíns do Pazo de Oca, comer en Combarro, entre cabazos e pegados ao mar, e facernos algún que outro selfie con Catelao, Bóveda, Paz Andrade... en Pontevedra?
O único que se nos escapou, por falta de tempo, foi o Mosteiro de Poio, pero seguro que haberá algunha outra ocasión, que sempre hai que deixar algo para ter a escusa de volver!

5.6.16

 OS  "PRIMEIROS"  NON QUEREN QUEDAR ATRÁS
Os de primeiro non queren que os dos cursos máis altos digan que non se atreven... Vaia que si se atreven! Veñen pisando forte e animándose ao que sexa, que así da gusto.
Hai un lote deles participando no Club de Lectura e estes tres, Xabi, Laura e Helena, animáronse a facer cadanseu "booktuber", presentando un libro, o que máis lles "tirou", dos que limos no club.  Parece que o camiño aberto polos maiores do club vai deixando rastro e temos quen se anime a seguilo. Quen sabe, algún booktuber ten milleiros de seguidores na rede e non me extrañaría que cun pouco de práctica estes "primeirizos" acaben marcando tendencia e creando opinión no mundo da literatura xuvenil. A verdade é que, co levamos visto ata agora, incluídos estes de primeiro, no me estrañaría demasiado.
             Noraboa a todos os booktubers do Insti e graciñas por facelo tan ben!

1.6.16

O CLUB DE LECTURA MÓVESE
Non puidemos visitar a "casa enmeigada" de Cartas de Inverno en Vilarmaior, pero a cambio fomos dar un paseíño polas Fragas do Eume. Fomos atrevidos e cruzamos a ponte colgante, que abaneaba dun lado ao outro entre os berros de auxilio dos membros do club, que aquilo parecía unha peli do Indiana Jones ese. As troitas quedaban aplaudindo coas aletas cando por fin saímos de alí: -que tranquilidade!- dicían- Por fin marcharon os do arao!
Como a camiñata se nos fixo pequena fomos logo á praia de Cabanas, onde cumprimos o ritual de perder un balón, darnos un chapuzón refrescante e liquidar os bocatas que aínda quedaban nas mochilas. Logo un paseíño por Pontedeume, onde tampocuo puidemos visitar a Torre dos Andrade e, para desquitarmos desta negativa, outro paseíño polo Pasatempos de Betanzos, entre leóns xigantes, porcos mutantes e patos asustados. Se non me credes podedes ver as fotos. E, se queredes algunha, xa sabedes, no ordenador da biblio están para quen queira collelas, incluídas unhas cantas que non aparecen aquí.

26.5.16

OLÍMPICO MAIOR
O noso "Olímpico maior", Arián, foi o representante do Instituto na Olimpíada Matemática celebrada o día 19 en Lugo (40 participantes de toda Galicia). Non trouxo a medalla de ouro pero si unha experiencia estupenda chea de novidades.
Foron recibidos no Círculo das Artes, na Praza Maior, e alí mesmo comezaron a proba, na que durante dúas horas estiveron pelexándose con cinco problemas de diferente tipo.
Para repoñerse foron todos xantar, invitados pola Asociación AGAPEMA (Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática). Mentres agardaban as correccións das probas realizaron  un pequeno circuíto matemático pola Praza Maior de Lugo onde atopaban personaxes matemáticos como Hipatia (na foto). 
Para rematar, no salón de actos da Deputación Provincial (Praza de San Marcos), fïxose a entrega de medallas e agasallos e cada participante recibiu un pen drive e un bolígrafo.
 Seguro que en vindeiros anos é capaz de traer algunha medalla matemática para o centro. Xa se encargará Paula de que así o faga, non si?


5.5.16

DE OURO
Así foi o século -os séculos, realmente- no que se xuntaron tal cantidade de grandes figuras das artes en España.
Como non podía ser doutro xeito, desde a biblioteca argallamos unha forma de celebrar o 400 aniversario da morte de Cervantes (e de Shakespeare, que somos plurilingües). Pero pensamos que falando de Cervantes sen saber máis nada da época quedaba a cousa un pouco coxa (que non manca), así que decidimos falar un pouco de canto sucedía por aquel entón e duns cantos dos máis notables "compañeiros de viaxe" do pai do Quixote. 
E para que a cousa tivera un pouco da atención que merecía fixemos unha pequena "Guía de visita" da exposición con algunha pregunta e algún pequeno xogo para facela máis levadeira.
Como ademais temos no insti o noso Velázquez particular (léase Brey) acompañamos a expo cuns "photocalls" estupendos para que o que quixera se inmortalizase como personaxe da época, tal como podedes ver neste vídeo de aquí:

25.4.16

MÚSICA, MAESTROS!
De novo tivemos connosco este ano a este trío de auténticos mestres musicais e, un ano máis, da man de Charo (graciñas).
Sempre que veñen, ademais de tocar estupendamente, conseguen achegar a música a todos (ou case) facéndoa asequible e comprensible. Moito lamentei non poder asistir ao concerto completo porque a verdade é que estaba a aprender moito. Non se me ocorrera nunca relacionar a música, coma arte, con outros conceptos artísticos, como a pintura, e a verdade é que se comprenden mellor moitas cousas. Comprobar a evolución musical, con "probas" en directo e cunha execución tan boa foi unha ledicia. Esperemos que se poida repetir.

6.4.16

VAN POLO AIRE
VEÑEN POLO VENTO
Así andan os 14 de terceiro... van polo aire a Bruselas, quedan por alá uns días visitando e coñecendo mil lugares novos e logo veñen polo vento, de volta a casita. E non me cren cando digo que prefería ser alumno que profe nestes tempos!!
A Universidade de Lovaina, os Canais de Bruxas, o Atomiun e Minieuropa, as chairas e Waterloo e o propio Parlamentarium... todos eles lugares que visitaron os 14 intrépidos/as, acompañados polos valentes (non cabe outra palabra) Carlos e Jacobo. E todo eso sen mencionar as patacas fritas, as pizzas, os kebabs, o pan de pita e demais material que se traerán metido entre peito e espalda para cando aterren aquí (ademais das noites de charlas interminables nas habitacións do hotel, claro).

19.3.16

DO YOU WANT TO BE A STAR?


Este venres, organizado polo Departamento de Inglés, fomos a Vimianzo a ver o espectáculo en inglés Do You Want to be a star?, da compañía de teatro Sim Salabim. Dous actores e unha actriz, acompañados por unha marioneta, representaron unha parodia dun concurso de televisión ao estilo de “Got talent”: un recitador de poemas, unha rockera tímida e un ilusionista, todos cantando con voz en directo, sin playback, desputábanse o premio do concurso entre dificultades organizativas e ausencias non programadas, buscando solucións apresuradas nos momentos de descanso publicitarios. O aplausómetro ‘decidiu’ que a gañadora da competición fose Pink Betty e a súa versión de “Somebody to love” de Queen.

Graciñas ao profesorado que nos acompañou, xa que sen eles non poderiamos ter ido. Agora só queda saber se os oídos funcionaron ben e canto entendemos do que alí se dixo. Seguro que máis do noventa por cen!  

Do you want to be a star? on PhotoPeach

11.3.16

CHARLANDO CON CARE SANTOS
Este  mércores tivemos entre nós a esta autora de dous libros que estivemos a ler en dous dos clubs de lectura do insti: "Mentira" no club de 3º-4º e "Habitaciones cerradas" no club de adultos. Xa sei que non é xusto cos de 2º e 1º, pero todo non era posible. Paciencia!
Desde o mesmo momento de recollela no aeroporto de Santiago ata o momento de deixala no de Coruña ao día seguinte mostrouse sempre cercana, amigable e encantada de estar entre nós.
Someteuse a dúas completas sesións de encontro cos lectores, mañá e tarde, e contounos mil e unha cousas sobre as súas experiencias e as motivacións e inspiracións para os seus libros e personaxes. Marchou cansa pero contenta da experiencia aínda que probablemente non tanto coma quedamos nós. Ata pronto, Care!

8.3.16

8 DE MARZO

Para este día, un texto moi esclarecedor de Beatriz Millán. A ver se van enterándose os que non se queren enterar:

Que no, que no me felicites por ser mujer, que no estoy para fiestas. Iguálame el salario, no me despidas estando embarazada o cuando te pida la reducción de jornada, respeta mis decisiones, mi NO es NO. No quiero tus piropos, aunque pienses que me halagan. No quiero volver a casa de noche con el movil en la mano "por si acaso". Deja de hacer bromas machistas con tu panda de amigotes, no son graciosas, no llevan a ningùn lado. No me cosifiques, no soy un culo y dos tetas. Y no, la cantidad de ropa que lleve encima no te da derecho a decirme ni hacerme nada. Responsabilizate de la crianza, de las tareas de casa, de la compra, las vacunas, las reuniones del cole. Educa a tus hijos en el respeto para que yo no tenga que enseñar a mis hijas a defenderse. Yo no soy "hija de, madre de, esposa de". Lucha conmigo por mis derechos para que este día deja de existir y entonces felicitame, porque ese día será un gran día para todos. Ese día si será una fiesta!
E si alguén ten algunha dúbida probade neste enlace.

26.2.16

POEMAS PARA ROSALÍA
As profes de Galego pasaron uns días preparando materiais, flores e poemas, para celebrar o Día de Rosalía. Este mércores 24 finalizaron os actos coa lectura de poemas de Rosalía por parte de alumnos do centro de todos os niveis, 
Foi estupendo ver como se facía o silencio, nesa zona tan habitualmente ruidosa, para escoitar aos compañeiros recitando. Houbo algúns nervios, como non, pero cada vez está máis claro que nos imos acostumbrando a mostrar diante dos outros o que sabemos facer. Graciñas aos participantes e graciñas a Mar e Susana pola iniciativa.

21.2.16


XA TEMOS REI DOS ESCAQUES
Digo eu que será un bo estratega, está en 1º e resultou gañador do IX Torneo Escaques de Xadrez.
Este ano a modalidade do torneo tiña unha novidade: os 5 minutos fatídicos de tempo por xogador! Máis dun botaba as mans á cabeza cando vía como a bandeira subía e, ao final, caía do outro lado do manubrio, dándolle a partida ao rival... emocionanate!
As batallas, as oito, foron reñidas e a guerra co resultado incerto ata o remate: medio punto de diferenza entre o gañador e o segundo clasificado. Noraboa, e un reloxo dixital de xadrez, ao gañador!

17.2.16

CARLA ENTRE A BRÉTEMA
E como o prometido é débeda aquí queda o vídeo de Carla falando sobre "El príncipe de la niebla". De momento as booktubers femininas están gañando por goleada. Non haberá ningún valente que se anime a defender o pavillón masculino? Seguro que algún hai!

16.2.16

CORRENDO NA SOMBRA
Aquí temos unha nova "Booktuber" do Arao, Tania, que nos vén a falar de "Corredores de sombra", de Agustín Fernández Paz, aínda que ela, desde logo, non está na sombra.
Xa é a cuarta booktuber que se asoma a este blog. Parece que o camiño que comenzou Zeltia ten seguidoras e en breve haberá outra máis...


13.2.16

BUSCANDO TREGUA
 Xa levamos sete "batallas" e todo parece indicar que na seguinte se decidirá definitivamente o vencedor desta "IX Guerra" no terreo dos escaques.
Este ano as batallas foron intensas e sobre todo moi rápidas, xa que inauguramos a modalidade de xadrez a 5 minutos (Os tempos de recreo mandan!). Moita emoción e nervios ás veces baixo control e ás veces sen el. Os de primeiro veñen pegando forte e as súas estratexias parece que funcionan, xa que na 7ª e penúltima ronda un deles se destaca. En breve confirmaremos o resultado da última batalla. A ver como lle foi aos da foto de abaixo. Pasade o rato pola foto e veredes......

6.2.16

GRAZAS, Xosé Neira Vilas
Despois de dedicarlle estas últimas semanas á relectura de diferentes libros de Neira Vilas, este mércores tivemos unha xuntanza do Club Arao de adultos. Léramos exemplares de diferentes edicións (desde as primeiras ata as últimas) falamos do galego e a súa normativización e da importancia de Neira na difusión da lingua (a moitas de nós facilitounos as primeiras lecturas en galego). Logo, a partir destas lecturas, recordamos vivencias personais ou anécdotas relacionadas con diferentes temas: o loito, a emigración, os costumes e a vida doutros tempos… Foi unha xuntanza moi emotiva. Grazas, Neira Vilas.